Friday 26 de April de 2024

Touro celebra o próximo domingo o DÍA MUNDIAL DO TEATRO co XIII FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR no que participarán máis de cen actores e actrices


O XIII FESTIVAL GALEGO DE TEATRO ESCOLAR DE TOURO, que se celebrará o próximo domingo, 27 de marzo, na Área Recreativa A Santaia e na Casa de cultura desta localidade, presentouse esta mañá ás 12:00 horas no Salón de plenos do Concello de Touro

Este evento está organizado pola ANPA do CPI de Touro e conta coa colaboración do Concello de Touro, o grupo As Nenas do Sapo Dourado, de Loxo; A Asociación Cultural A Pinguela de Bama e a Banda de Música Isabel II de Touro. Na presentación participaron o alcalde desta vila, Ignacio Codesido Barreiro; a concelleira de Cultura, Educación e Deporte Adela Iglesias Tojo; a representante da directiva de A Pinguela de Bama, María Guadalupe Penas González; a representante das Nenas do Sapo Dourado, Emma Rodríguez Liñeira; o Presidente da Banda de Música, Manuel Rodríguez Calvo; a Técnica de Cultura, Cristina Andújar Garrido; alumnado de Educación Secundaria que protaniza o roteiro e a actuación e o director de teatro Afonso García Penas.

Participarán nesta xornada cultural máis de cen actores e actrices de catro Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Touro, Compostela, Palas de Rei e Teo). O programa deste Festival é o seguinte:

Haberá un roteiro teatral, musical e poético ás 12:00 horas na Área Recreativa A Santaia, que estará protagonizado por alumnado e profesorado do CPI de Touro, polas Asociacións As nenas do sapo dourado, A Pinguela de Bama e nais do alumnado.

Este roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos e persegue varios obxectivos: achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e localidades, a aproximación do alumnado ao mundo rural e a súa posta en valor, a transmisión do tecido cultural das xeracións que nos precederon.

Ás 18:00 horas, na Casa de Cultura de Touro, a Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz de Teatro, O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, A Aula de Teatro do IES de Cacheiras, de Teo e A Aula de Teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas porán en escena o espectáculo REVIRACONTOS.

Trátase dun espectáculo de creación colectiva que se vertebra sobre un concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización plena do ser humano. As actrices e actores destas compañías amosan a través das súas escenas a posta en práctica de valores fundamentais como A PAZ, O RESPECTO AO MEDIOAMBIENTE, A TOLERANCIA, A SOLIDARIEDADE, A INTEGRACIÓN…

A través dunha viaxe ao mundo dos contos relatados pola literatura popular e culta, as actrices e os actores destas compañías reivindican tamén o valor da lectura como elemento esencial na formación de persoas emocionalmente equilibradas, autónomas, libres; poñen de manifesto a relevancia da solidariedade con aqueles seres humanos que sofren pola súa condición de xénero ou raza e reivindican o valor dos proxectos educativos colectivos…

Como preludio a este espectáculo actuará a BANDA DE MÚSICA ISABEL II, de Touro ás 17:25 na Casa de Cultura.

Este Festival permite que o alumnado das catro Aulas de teatro interactúe e propicia que amose o traballo realizado durante o Curso teatral que se desenvolve ao longo do curso académico 2021/22 nas catro localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral . Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 9 de febreiro no Teatro Principal de Ourense e continuará en Palas de Rei, Compostela, Cacheiras, Langreo, Sestao e Zaragoza.